jueves, 13 de marzo de 2014

UNHA VIAXE SENLLEIRA POLOS RÍOS DE DÍAZ CASTRO1

UNHA VIAXE SENLLEIRA POLOS RÍOS DE  DÍAZ CASTRO1

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 24-02-2014. NO DÍA DE ROSALÍA.

Emprego ‘senlleira’ no senso de só, en solitario, sen compaña. Andan a falar de faceren rutas polos andares de Xosé María Díaz Castro. Seguindo lugares e fontes, camiños e carreiros, insuas, caneiros, soutos, fragas e mesmo penedos ou pontes. E de seguriño que ficaremos prendidos e namorados das paisaxes. E mirando polos seus ollos, tamén a nós, “a beleza nos ferirá para sempre”.
Díaz Castro non ten ao seu carón un río grande, caudal. Son ríos máis ben curtos e estreitos. Por iso é moi doado observalos de perto, meterse neles e  xogar nas súas augas os mil xogares dun neno, onde todos fixemos presas, muíños e rodicios en cadea, pillabamos troitas á man ou poñiamos a correr aos cabezolos. Para el un río xa grande foi o da Ponte-Gafín e sobre todo o que ollaba cando ía a feira: o que vai “de Parga Á Pastoriza”, que, medrado polas augas do Río Roca, contemplaba na romaxe desde a Ponte do Sant’Alberte, arredor da Capela e dos muíños de Sagérico. E o río grande grande, por suposto, o pai Miño, nas súas poucas viaxes á capital de Lugo.
Pero a mirada do poeta é máis transcendente e na procura dela ando eu tamén a viaxar en meditación persoal, lenta e pausada. Quero dialogar con el e ao meu ritmo. Por iso quero ir en solitario facendo unha viaxe ao meu aire ao meu xeito. Da man do poeta quero achegarme paseniñamente aos seus pequenos ríos para facelos meus porque, como fai el con todo, desde a pequenez, esculca e escruta a fondura existencial. Non  volverei á casa sen deixar que a súa voz resoe no fondal da miña alma. Unha viaxe á vida agochada nos diversos ríos deste noso bardo. E velaquí a miña viaxe.[1]
 “Á beira do ancho río da miña vida nova, matei aquel recordo que ó corazón se me enroscaba vivo, na noite horrible: Tiven que afogalo en bágoas. Pero os seus berros chagaron deica o mesmo mencer, ¡chapuzaduras do seu sangue vello no novo ceo!” (p.33). Trátase aquí do recordo recorrente, da súa fractura interior por unha guerra sen sentido que, como o lado escuro da alma, a ‘sombra’ de C.G. Jung, ficou ensarillada na súa alma e non conseguía ser liberada, por moito que tentase afogala en bágoas? Os deses tempos tamén estamos nese río.
E “nese recordo” fican lembranzas agarimosas de neno: A festa e o río nas vísperas: “Polas festas do Carmio a festa chega ó río. Unha música ardente vén no aire coma un río de recordos. Foguetes lonxanos cain no río. Este é o Porto-Muiño, todo en lapas, o río”. (p.57).
Hai coma una festa cósmica no recordo. “Nas puntiñas dos pés a festa chega ó río, e anésgase, larmeira, á beiriña do río. Despois vólvese tola: brinca o río berrando, e pérdese nos vimbios e as xesteiras beilando, e acéndese nos vidros da aldea chea de anos, e ergue a moi meiga as pálpebras de animais e cristianos” (p.57). As festas do seu rus nativo alcanzan ás contornas. Todo se detén para xuntos celebrarmos todo en todos. 
Pero esa festa, foi. Xa non é. Volveuse pranto. Ficou en soños. “Chora o ameneiro en soños. (¡Que ben se oin os muíños!), e chora polo tempo perdido nos camiños”. “¡Ai como está de bágoas de nenos feito o río! Este é o Porto-Muíño, todo en sombras, o río. (p.57).
Da guerra incivil de España, coma el, ou da de Europa, viñan moitos deles miserentos, tolleitos, eivados e mutilados, toliños da cabeza, e rompidos nas frebas da alma, botados ao mundo, atorrantes.  Perdidos nos ríos dunha vida xa sen sentido para sempre sen outro posible restauro que non fose o esmorecer. Este río aínda resoa en min como aquel neno que fun, e que vivín iso como testemuña directa da posguerra.
El soubo envolvelo nesa linguaxe poética dunha peregrinaxe a Compostela para superar a férrea censura dunha ditadura inmisericorde. O poeta sabía ben, coma todos nós, das matanzas da Ponte da Castellana e de outras máis cercanas.  Eu coñecín a de Fontrexe, en Roca. Todas elas en ríos. Por iso: “O berro das pedras”, “ ... torres de irexas coma a sombra afiada de dúas mans xuntas que rezan, mentres os homes soñan ou xuran e as mulleres rezan ou choran, lousados de Fe, insuas de vida que morre cadora, testigos manchados de sangue no tordeante xuízo da Historia. Esborrexe pola noite un río de cabazas e vieiras da grande Europa, esborrexe coma bágoas polas meixelas ...”.  “Dade casa cuberta ó larchán, cobexo ó bon Tempo Perdido, ó que deixou a medio facer o eixo dun carro e un neno durmindo”. (p. 60).
Tamén hai un laio contra das desfeitas da natureza, onde prisoneiros penan e esmorecen en traballos forzados: “Brincan da canteira ósos de pedra virxe, e óense os alentos, nenos e galos axoutados arrédanse e deixan pasar, un río de pedras, tolean os martelos en días eternos e noites cegas”. (p.61).
O poeta tivo o seu río ideal. Aquel que debera ser na súa vida e xa nunca foi. Na súa delicadeza vivencial non quere luxar nada. Non quere adulterar nin corromper nada. Precisamos dunha pureza esencial. Hoxe tamén. E eu quero remansar uns intres nese mesmo río. Sosegar, acalmar, acougar: “E eu coma un fondo río de recendos, de voces e de luces: coma o aire, que beixa todo e non se apousa en nada máis que no sangue, na raíz do sangue ...”. ( p. 68). “Coma un río quixera eu ser: Cantar con estrelas no lombo cara ó mar, deixando unha chorima en cada pedra, e unha bágoa de Deus en cada herba”. (p.67).
 E abalou el. E con el abaleou a súa fe tranquila, aquela que de neno e de estudante de crego recibira. Entrou en crise profunda e remoendo dende dentro, o poeta ten de aprender a transcenderse. “O río está deitado coma un boi remoendo, e o Tempo non sei que anda rente del remexendo” (p.57). “Chora o ameneiro en soños (¡Que ben se oin os muíños!), e chora polo tempo perdido nos camiños”. Hai todo un mundo a refacer desde os máis fondos alicerces. Analizar e superar as contradicións e abrirlle de novo as portas á vida e á esperanza. “Eí están, coma brasas contra a noite, as vellas cousas cheas de destinos. Con este alento, eu lle darei ás cousas o drama cheo que lle nega a vida: dareilles rostos, para que se conozan, palabras lles darei para que se entendan.” (p.13).
E coma el tamén abalamos nós por máis que  as nosas palabras ficasen mudas ou afogadas: “Ó traveso da escura teadearaña deste mundo unha estrela cai no río da miña vida e quédame chamando. En cada vez eu oio unha chamada cun longo eco de adeus que non entendo, pero que me fire coma espada ardendo. E as falopas dos anos van caendo sobre a sede inmortal e os ollos tristes. ¡Pro non enterran a boca da ferida!” (p.85).
“¡Ai como está de bágoas de nenos feito o río!” (p. 58). E, a pesares de todo, por un misterio que eu tampouco entendo, “A beleza feriume para sempre”. “Tódolos ríos pasan pola miña alma, cheos de Deus, música e lapas”. (p.85). E no Carmio e na Pastoriza: “A Virxe pasa a mau polo lombo do río ...” (p. 58).
Graciñas poeta polos teus ríos. Hoxe tamén xa son meus.





[1] DÍAZ CASTRO, X. M. Nimbos, La Voz de Galicia, A Coruña 2002.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Powered By Blogger